Juan Senda

(((((((LÉXICO MARIÑEIRO DE CEDEIRA)))))))

LÉXICO MARIÑEIRO DE CEDEIRA

 

                                                    PRÓLOGO

 

Non cometerei ningunha esaxeración se che digo, amigo lector, que o libro que tés agora nas mans é unha verdadeira xoia e un auténtico milagre.

Digo que constitúe unha xoia porque o primeiro que cómpre sinalar é que se trata dun libro absolutamente orixinal e, ademais, case único no seu xénero: orixinal porque non está baseado en -nin tan sequera influído por- ningún outro traballo lexicográfico, pois, malia a existiren algúns dicionarios e vocabularios, moitos xa antigos, sobre as cousas do mar1, nada hai especificamente sobre o léxico empregado polos pescadores de Cedeira nin sobre calquera outro sitio concreto da costa galega. É certo que moitas das palabras e usos aquí recollidos non son exclusivos de Cedeira e ben seguro, polo tanto, que se atoparán noutros pobos e vilas do Noroeste de Galicia, porque o criterio adoptado polo autor non é o contrastivo (para elo había que coñecer o léxico empregado polos homes de mar dos demais puntos xeográficos), senón máis ben o acumulativo ou integral. Quere dicir que do que se trata é de reflectir, en vez do léxico diferencial, o realmente empregado polos mariñeiros de Cedeira no seu labor cotián, con independencia, polo tanto, de que tamén o usen os seus veciños de Cariño, Espasante ou O Barqueiro.

Tampouco debe sorprender que, botando unha simple ollada ás entradas deste pequeno dicionario, nos atopemos así mesmo con moitas palabras utilizadas pola xente de terra sen ningún vencello co mar: non hai que esquecer que un vocábulo pode ter moitos significados e, polo tanto, a súa presenza na nomenclatura xustificarase entón, en principio, por ter un sentido especial entre os homes do mar. Ás veces este pode consistir -é certo- nun case imperceptible matiz ou mesmo resultar discutible; pero o autor, ante a dúbida, optou malia a todo por rexistralo ó inclinarse a prol dun criterio ancho, na procura da máxima amplitude, aínda que, evidentemente, en lexicografía a exhaustividade, mesmo tratándose dun vocabulario especial como este, resulta pouco menos que imposible de acadar. Así é que neste caso podemos, a pesares de todo, aplicar aquilo de que “non son tódolos que están, nin están tódolos que son”.

O presente vocabulario, polo demais, pódese clasificar con toda xustiza entre os chamados “dicionarios profesionais” por canto que pretende, como queda dito, describir o léxico empregado no desenvolvemento dunha profesión: a de pescador ou mariñeiro, que en Cedeira vén ser o mesmo. Non se trata, non obstante, dun dicionario xergal, como acontece frecuentemente cando o léxico estudado pertence ó mesmo tempo a unha clase popular ou socialmente baixa, que ademais vive en gueto e necesita dalgunha maneira defenderse do resto da sociedade. É neste contexto xustamente cando xorde a xerga ou xiria, que, ademais de caracterizar moitas veces unha profesión, ten unha finalidade críptica; é dicir, a xerga só pode ser entendida por quen forma parte do mesmo grupo profesional ou social. Pois ben, é evidente que os mariñeiros, aínda sendo xente do pobo e normalmente de baixa instrución, non falan -como fan, poñamos por caso, os afiadores cando empregan o barallete- a súa linguaxe profesional co fin de non seren entendidos polos leigos na materia. Se así fora, o autor destas páxinas, por desvelarnos os segredos do léxico mariñeiro, xa podería ir poñendo os pés en Polvorosa, e non precisamente na de Manganeses, pois que alí botan as cabras polo campanario da igrexa, e ó mellor poderíanse trabucar...

Bromas á parte, coido que sobre todo a xente de mar gozará moito lendo e consultando este pequeno libro, onde por certo non só se fala de palabras -algunhas xa desaparecidas ou a piques de desaparecer, razón de máis para agradecermos esta publicación-, senón das cousas que representan, adornadas ás veces con simpáticas e substanciosas historias e anécdotas, non ausentes á súa vez dunha sentida nostalxia dos tempos pasados (aínda que oxalá nunca volvan). Todo isto dálle, como non podería ser doutro xeito, un carácter marcadamente enciclopédico á presente obra, cuxo acado, polo tanto, vai moito máis alá do que o seu modesto título poida suxerir.

Os que, coma min, levamos moitos anos no labor de facer dicionarios, lidando a cotío co estudo das palabras e -tamén no meu caso- tentando ensinar e inculcar ós alumnos e colaboradores os segredos das técnicas lexicográficas, sabemos mellor que ninguén os problemas e dificultades que semellante traballo comporta. Por iso, sinceramente, teño que valorar de forma moi positiva este volume que hoxe aquí nos ofrece Javier Rodríguez Vergara “Sotavento”, pois, malia ós defectos -non hai obra humana que non os teña-, hei de afirmar coa mesma sinceridade e rotundidade que este libriño é, como dicía ó principio, un auténtico milagre: hei de confesar que, cando o lin na súa primeira versión, abofé que fiquei abraiado ó comprobar que unha persoa para nada afeita a este tipo de traballos -un auténtico espontáneo da lexicografía- fora capaz de facer unha separación de acepcións e redactar definicións tecnicamente impecables coma as neste libro contidas.

Como era de esperar dun afeccionado autodidacta -cualificativos que para min non teñen, dende logo, ningún valor pexorativo-, o autor deste libro, loxicamente descoñecedor das técnicas de investigación lingüística, non pretendeu en ningún momento elaborar unha obra científica baseada, por exemplo, como sería de rigor, nun concienciudo estudo de campo coa conseguinte formación dun corpus lexicográfico a partires dun amplo número de informantes. Aquí o único informante pódese dicir que é el mesmo en atención a ter sido pescador durante moitos anos e ser, polo tanto, coñecedor coma poucos das artes de pesca -sobre as que ten publicado algún outro traballo- e, en fin, das faenas e segredos do oficio. Unha obra de carácter científico sobre o léxico dos mariñeiros de Cedeira gañaría, moi probablemente, en obxectividade, rigor e perfección técnica, pero carecería, xa que logo, da sinxeleza, candor e entrañable frescura deste libriño, cuxo destinatario por certo non é o especialista profesional da filoloxía, senón máis ben a xente normal e corrente do pobo que nada entende -nin falta que lle fai- de isoglosas ou de córpora e sociolectos.

E con isto coido que non debo alongarme máis, pois non quero, amigo lector, cansarte e que logo fagas o que a maioría dos mortais cando se atopan por primeira vez diante dun dicionario: que prescinden das páxinas introdutorias –ou, dito máis tecnicamente seguindo o meu colega alemán H. E. Wiegand, do “predicionario”-, cuxa lectura é en troques fundamental. Sería algo así como mercar un electrodoméstico e non ler o folleto de instrucións. ¿Non che parece?

 

1Sen pretender facer aquí unha relación exhaustiva, debemos, recordar, entre outros, os seguintes: J. B. AMICH, Diccionario marítimo, Barcelona, 1965; J. MARTÍN YÁÑIZ, Diccionario y técnica de pesca, Buenos Aires, 1961; T. NAVARRO DAGNINO, Vocabulario marítimo, Barcelona, 1947; J. L. PANDO Y VILLARROYA, Diccionario marítimo, Madrid, 1956; A. REGUART SÁÑEZ, Diccionario histórico de las artes de pesca nacional, Madrid, 1791-1795; B. RODRÍGUEZ SANTAMARÍA, Diccionario ilustrado de la pesca marítima en las costas del Norte y Noroeste de España, Madrid, 1911; P. E. SEGDITAS, Diccionario náutico, Bilbao, 1968, e, finalmente, o relativamente recente traballo de M. ALVAR (pai), Léxico de los marineros peninsulares, Madrid, 1985-1989.

 

Álvaro Porto Dapena

Catedrático de filoloxía e lexicografía

 MIEMBRO DE LA REAL ACADEMÍA  DE LA LENGUA CASTELLANA( MADRID)

(GALICIA-A CORUÑA)


INTRODUCIÓN

 

        Durante o proceso de corrección e revisión dun traballo sobre as artes de pesca do propio Xavier Rodríguez Vergara, á vista da gran cantidade de léxico específico e, en moitos casos, local ou en desuso -cando menos polas xeracións máis novas-, consideramos necesaria a creación dun glosario, a modo de apéndice con que facilitar a comprensión íntegra do texto. Ao írenselle engadindo cada vez máis palabras, o que nacera coma un glosario complementario dun extenso traballo foi medrando en extensión e valor até se constituír nunha obra autónoma que é a que aquí se presenta.

Xa que logo, da necesidade de explicación e aclaración das verbas do traballo de tema mariñeiro, xurdiu a idea de completar aquel glosario até convertelo nun vocabulario das cousas do mar. Foise compoñendo con verbas herdadas dos vellos mariñeiros de Cedeira que, unhas con maior sorte ca outras, van resistindo o inexorábel paso do tempo. O vocabulario compóñeno palabras relacionadas coa vida dos mariñeiros: o que ten que ver co traballo do mar, coas embarcacións, coas artes de pesca, cos máis determinantes fenómenos meteorolóxicos, co seu ocio... Porén, malia a área de extensión do léxico recollido se circunscribir principalmente á zona de influencia do porto de Cedeira, en ningún caso pode chegar a pensarse que só se limita a ela. A meirande parte destas palabras tiveron e teñen presenza en toda a costa das Rías Altas e da Mariña Luguesa. A relación entre os mariñeiros dos diferentes portos foi intensa e os intercambios, non só de peixe, habituais; os mariñeiros pescaban e vendían en todos os portos: A Coruña, Sada, Ares, Cedeira, Cariño, O Vicedo, Celeiro...

Ao indubidábel valor puramente lingüístico, axiña se sumou tamén o cultural, histórico, antropolóxico e etnográfico que tantas destas palabras conteñen. Isto animounos a recoller incluso verbas case esquecidas, para que servisen de testemuñas de tempos idos que con case total seguridade non han volver. E para evitar que se perdan para sempre no impertérrito esquecemento humano. Por tales motivos, en moitos artigos lexicográficos, ao par da definición e dos exemplos de uso, incorporáronse notas históricas, explicacións e, incluso, contos ou anécdotas.

 

 

 

 

 

 

O que se iniciou coma unha investigación introspectiva levou á procura doutras fontes, quer para contraste de información, quer para novas entradas que contribuísen a completar o vocabulario. Entres esas fontes encóntranse vellos e non tan vellos mariñeiros de Cedeira e bibliografía variada: específicos de mar, dicionarios xenéricos...

Entre as entradas rexistradas, ademais, figuran algunhas que, aínda que non son exclusivamente mariñeiras, si forman ou formaron parte das máis habituais verbas que, até o día de hoxe, foron acompañando á xente do mar nos seus labores e na súa vida cotiá. Como norma xeral, prescindiuse dos nomes relacionados coa flora e fauna mariña, agás, por un lado, naqueles casos en que as palabras contasen cun especial contido cultural ou descritivo que axudasen a comprender a tradicional vida do mar e, por outro, os peixes máis frecuentes nas pesqueiras da zona obxecto de estudo. Incidiuse nos termos máis salientábeis no contexto mariñeiro, obviándose aqueles máis comúns ou tratados polo miúdo noutros estudos específicos das artes de pesca, de náutica, de ictionimia, dos fenómenos meteorolóxicos, de carpintaría de ribeira, etc.

 

ESTRUTURA DO VOCABULARIO

        Á hora de estruturar o presente vocabulario, intentouse, dentro do posíbel, seguir a tradición lexicográfica galega, de xeito que cada artigo presenta información gramatical, léxica...

        As entradas ou lemas figuran ao comezo de cada artigo en letra grosa e están ordenadas por orde alfabética. A continuación, apórtase a información gramatical en cursiva: clase da palabra (substantivo, adxectivo, etc.) e o réxime verbal. Tras esta información, encóntrase o significado, que é o principal obxectivo da obra. Para contribuír á claridade da explicación, esta acompáñase con exemplos en letra cursiva. Finalmente, recóllense as locucións, frases feitas, expresións..., tamén por orde alfabética, que teñen o lema coma palabra base. Nestes casos, reproduciranse as locucións, frases ou expresións completas, isto é, con lema. Á hora da elaboración deste vocabulario dubidouse en substituír o lema polo til “~”, símbolo empregado a miúdo para tal fin, mais, finalmente, foi desbotada esta posibilidade por tres motivos. O primeiro deles é que os criterios de economía fundamentais á hora da elaboración dun dicionario non resultaban tan prioritarios para este vocabulario, cuxa extensión non é tanta que o faga inmanexábel. O segundo motivo baséase en que aínda que para calquera persoa habituada á consulta de dicionarios non resultaría en absoluto unha dificultade, o feito de substituírse o lema polo til pode, nalgúns casos, complicar a interpretación da información dada. Por último, e talvez sexa a razón máis importante, decidiuse non empregar o til por manter certa fidelidade coa tradición lexicográfica galega. Este mesmo criterio é o estabelecido, entre outros, nos seguintes dicionarios galegos: DICCIONARIO DA REAL ACADEMIA GALEGA, 1997, Editorial Galaxia S.A. e Edicións Xerais de Galicia S.A.; DICIONÁRIO DA LÍNGUA GALEGA ISAAC ALONSO ESTRAVÍS, 1995, Sotelo Blanco Edicións, S.L.; DICCIONARIO BÁSICO DA LINGUA GALEGA, INSTITUTO DA LINGUA GALEGA, 1980, Edicións Xerais de Galicia S.A.; DICCIONARIO ENCICLOPÉDICO GALLEGO-CASTELLANO, Eladio Rodríguez González, 2000, Editorial Galaxia S.A., Edición facsímil da de 1958, Editorial Galaxia; DICCIONARIO DE DÚBIDAS DA LINGUA GALEGA, Benigno Fernández Salgado e outros, 1991, Editorial Galaxia, S.A.; DICCIONARIO XERAIS DA LINGUA, Mª Carme Ares Vázquez e outros, 1986, Edicións Xerais de Galicia S.A.; DICCIONARIO GALEGO-CASTELÁN, X. L. Franco Grande, 1981, Editorial Galaxia, S.A. Nas linguas do entorno séguese o mesmo ou diferente criterio en función dos autores dos dicionario. Así, por exemplo, aínda que o DICCIONARIO DE LA LENGUA da Real Academia Española difire do establecido neste vocabulario, compárteno outras importantes obras coma o DICCIONARIO DE USO DEL ESPAÑOL MARÍA MOLINER – EDICIÓN ABREVIADA, Editorial Gredos, S.A., 2000. As mesmas pautas séguense no caso do idioma portugués en dicionarios coma o DICIONARIO DE PORTUGUÊS-ESPAÑOL, Julio Martínez Almoyna, Porto Editora Lda., 1998.

O criterio de indicar nos datos gramaticais “substantivo masculino” (s.m.), “substantivo feminino” (s.f.), “verbo transitivo” (v.t.), “verbo intransitivo” (v.i.) ou “verbo pronominal” (v.p.), aínda que a información que nos dá s. ou v. é redundante, decidiuse estabelecer de acordo coa tradición lexicográfica á que contribúen, entre outras, as obras citadas.

 

NOTAS PARA O USO DO VOCABULARIO

 

 

O asterisco (*) indica que a verba que acompaña é forma incorrecta en galego. A continuación, nos casos en que se coñece, figura a forma galega correcta.

 

 

Entrada ou lema dispostos por orde alfabética. 

 

Categoría gramatical.

Definición da palabra.

 As distintas acepcións, locucións... van numeradas.

 

*ATALINGADO s.m. Entalingado.

*ATALINGAR v.t. Entalingar.

  

BOUREL s.m. Boia de cortizas redondas e de varios tamaños que usaron as naseiras e rasqueiras nos séculos pasados. O xeito, para pescar ben, necesitaba moitos boureis na relinga superior. Os boureis, a través de todos os tempos, serviron de salvavidas para os náufragos. Ese boureliño ben me vale para orincar o rizón.

 

 

DESENFERRAR v.p. Desprenderse do fondo calquera cousa que estea presa: cabo, rizón, aparello, anzois e pedreiras. Era hora de que se desenferrase o rizón.

 

 

COPEADA s.f. Bóveda de cope que levaban colocadas no centro das dúas pernas as rapetas, boliches, traíña, xávegas e trabuquetes. Nesta copeada moito peixe colle. Mira que bolso fai esta copeada! Metinme dentro da copeada para envasar.

 

 

CALAMENTO s.m. 1. Cabo groso e longo sen medida exacta de brazas. 2. Longo cabo onde van amarradas as nasas dos naseiros que largan horizontalmente desde o barco para que caia no fondo do mar segundo a situación de cada plataforma. 3. Cabo que mide o calado ou profundidade da auga que cun chicote está amarrado no fondo ao aparello e con outro á boia que flota na superficie; este cabo tamén se chama cala porque en verdade é a que está calando e medindo o calado da auga que hai naquel punto de mar.

 

Exemplo do uso da palabra. 

Observacións adicionais do lema. 

Coa dobre barra (//) separa acepcións en que a entrada ten distinta categoría gramatical. 

Entre corchetes ([ ]) figura o contorno da definición.

ARROTA s.f. 1. Golpe de mar que rompe polo empuxe do vento ou polo mar de fondo. 2. Alentía de mar en dobre rompente sobre a barra dunha praia. Unha arrota falsa deulles volta de sombreiro e morreron todos. Hoxe no mar, todo era unha arrota. Para saber o leite que dá o mar tes que papar arrotas. Papei moitas arrotas para gañar para esta casiña. Teño papado moitas arrotas e xa veño de volta do que me dis ti.

 

 

CENZA adx. Aplícase á calma absoluta, con total ausencia de vento. Véxase calma.

 

CHÁPELE. Palabra que só se usa na loc. adv. a chápele chápele. Con voga lenta. Mentres eu vou andando estes cabos, vosoutros ide vogando a chápele chápele.

 

TRINCA s.f. Filástica. (Úsase habitualmente en plural). Címbrame de aí un par de trincas.

 

 

ESTRIBOR s.m. Banda dereita de calquera embarcación mirando cara á proa. A luz verde de situación dun barco vai colocada na banda de estribor. Pasounos por estribor. Saltou pola amura de estribor. // A estribor. loc. adv. 1. No lado dereito da embarcación mirando desde a popa para a proa. 2. Na dirección de estribor.

 

 

DAR v.i. Dar a babor. 1. [Unha lancha aberta ou semiaberta gobernada con rabela e timón de vela chantado no codaste] cargar a cana sobre a banda de estribor para que a embarcación vire a babor. Este goberno tamén se pode facer cun remo. 2. [Unha lancha con ponte e cuberta] virar a roda do timón á man esquerda mirando para proa. // Dar á banda. Deitarse [unha embarcación] sobre os seus costados por efecto do mar. Esta lancha moito dá á banda // Dar a estribor. 1. [Unha lancha aberta ou semiaberta gobernada con rabela e timón de vela chantado no codaste] cargar a cana sobre a banda de babor para que a embarcación vire a estribor. Este goberno tamén se pode facer cun remo. 2 [Unha lancha con ponte e cuberta]. Virar a roda do timón á dereita mirando para proa. // Dar gancho. 1. Recoller co gancho calquera obxecto ou persoa que estea na superficie do mar. 2. Ofrecer o gancho a alguén para tirar del co fin de atracar a embarcación. Dar gancho é o labor máis típico dunha embarcación de pesca. Dáselle gancho ás boias, ás calas, a un peixe, ao aparello, a un artefacto que vaia nadando polo mar, a un náufrago, a un morto, a calquera cousa que se atope no mar.

 

 

ABREVIATURAS UTILIZADAS 


adv. ........................... adverbio

adx.. .......................... adxectivo

  1. f. ................................ feminino

fig. ............................. figurado

interx. ........................ interxección

loc. adv. ..................... locución adverbial

loc. adx. ..................... locución adxectiva

loc. conx. ................... locución conxuntiva

  1. m. ........................... masculino
  2. pl. ............................ plural
  3. s. .............................. substantivo
  4. v. ............................. verbo

v.i. ........................... verbo intransitivo

v.p. .......................... verbo pronominal

v.t. ........................... verbo transitivo

 

ABACÁ s.m. Fibra natural empregada para a confección de cabos.

ABARLOAR v.t. Atracar unha embarcación ao costado doutra ou ao peirao.

ABATER v.i. 1. Decaer. 2. Desviarse do rumbo por causa do vento. 3. Caer a sotavento por culpa do vento. 4. Levar o vento un barco contra a costa. O vento foinos abatendo contra a costa, pero demos fondo e salvámonos. O vento abateunos contra a costa e pereceron todos.

ABERTA adx. 1. [Embarcación] que non ten cuberta. Esta lancha non me vale porque é toda aberta. Esta lancha é toda aberta porque nin corredores ten. 3. [Costa] en que non hai onde abrigarse. 4 [Lancha] que ten as táboas do bance ou da cuberta separadas. Esta lancha hai que calafateala porque está aberta do sol.

ABITÓN s.m. Véxase Bitón.

ABOCAR v.t. 1. Entrar o peixe pola bocana do bou. Aboca todo e tírao ao mar. Mirade que ben aboca o peixe nesta copeada. 2. Entrar un barco pola bocana dunha ría.

ABOIADO -A adx. 1. [Peixe] que se vai do aparello e xorde na superficie sen poder nadar. 2. [Barco] parado que vai indo ao devalo. 3. [Barco] en alta mar sen timón. 4. Tamén se aplica a persoas que están despistadas.

ABORDAR v.t. 1. Colidir ou investir unha embarcación contra outra a propósito ou fortuitamente. 2.Atracar ou arrimarse un barco a outro rozando ambas bordas sen necesidade de se teren que amarrar os dous barcos. 3. Atracar un barco a outro saltando con violencia toda a tripulación a bordo do barco capturado. Ese barco, polo que nos fixo, deberiámolo abordar.

ABOZAR v.t. 1. Suxeitar. 2. Amarrar con bozas. Abozouno de tal maneira que non o deixou mover. 3. Inmobilizar unha persoa a outra pola forza dos seus brazos. Colleu o ladrón roubando e abozouno polo peito que non o deixou mover do sitio.     

ABRA s.f. 1. Abertura dunha costa con pouco seo que, polo xeral, sempre ten abrigo para as embarcacións. Na abra de San Andrés de Teixido, aló en terra, hai uns farallóns. 2. Espazo de mar aberto que garda a costa con certo abrigo para as embarcacións. 3. Lonxitude ou longura dunha enseada, tanto dentro das rías como fóra na costa.

ABRIGO s.m. Lugar da costa onde unha embarcación pode fondear por estar libre de varios ventos. Cando hai leste, os barcos mercantes sempre veñen fondear a este abrigo.

ABRIGOSO -A adx. 1. Que ofrece abrigo. 2. Que non está afectado por certos ventos. 3. Que está defendido do tempo (aplicado a un lugar da costa).

ABRIR v.t. 1. Desatracar unha embarcación doutra ou separarse da pedra de calquera peirao. 2. v.p. Desviar o rumbo. Ábrete dese baixo que está rompendo. Ábrete dese barco que vén proa a nós. Ábrete desa tarrafa que ten a rede larga. 3. v.p. Separarse. 4. v.i. (Nacer) o día. Nos primeiros claros da aurora dise: Xa está abrindo o día.

ABRUÑAR v.t. Pregar ou engurrar as relingas e os panos das redes. Abruña máis a corda da cortiza. Ese aparello vén todo abruñado. Non abruñes tanto esa corda.

ACALUMAR v.i. Enterrárense as boias ou balizas no mar por efecto da corrente deixándose ver por ventura de cando en cando. Acaluman as boias, din os que van a proa. Hoxe non puidemos levantar os aparellos pola escorrentada que había, porque nin unha boia acalumaba.

ACANTILADO. s.m. 1. Altas paredes da costa. 2. Grandes profundidades dos cantís do mar.

ACAROAR v.i. Largar unha arte de pesca o máis aproximado posible ao cuberto ou sobre a cara dun baixo ou unha baixa para que caia o aparello enriba das covas onde se abriga o peixe. A ver se lle acaroas ben o bou á baixa golfeira, que pola parte de terra sempre está cargada de corbelos e fanecas.

ACEDÍA s.f. (Solea lascaris) Peixe mariño de corpo aplanado que vive nos limpos do fondo do mar desde as dúas ás vinte e cinco brazas de altura. É de corpo oval, parecido ao linguado, pero distínguese pola ventosa ou botón que ten na parte inferior do beizo. Vive nas zonas de area branda e lamosa e nas pozas onde se apousan restos de crustáceos. Tamén se atopa na area dura e moitas veces chega por fóra da rompente das praias bravas da costa e, incluso, das que hai dentro das rías. A súa cor é gris amarela, parecida ás areas do fondo por onde anda e vive. Mantense de miudiños moluscos e crustáceos. Sobre o ano mil novecentos corenta, en varios portos de Galicia, aínda se vendía este peixe coma linguado. A súa carne é estimada.

ACENTE s.f. 1. Breve momento de quietude que se aprecia despois de morreren os tres golpes de mar do fluxo. 2. Momento de quietude do mar entre fluxo e fluxo. Se queres entrar nunha ría e rómpeche o mar, has agardar a boa acente. Se queremos entrar ao pé da barra que está rompendo, deberemos agardar a acente. Por moi vivo que sexa o mar, sempre ten unha acente.

      ACHÁDEGO s.m. 1. Calquera artefacto inservible máis grande que pequeno que se pode atopar nadando sobre a superficie do mar ou tamén pola súa plataforma do fondo. Por esta zona de mar non podemos largar os aparellos porque polo fondo está inzado de achádegos. 2. Persoa que non ten disposición para facer tan sequera unha soa cousa útil. A filla do tío Xan por non quedar solteira  casou cun home que é un verdadeiro  achádego.

 

ACHICADOIRO s.m. 1. Bancada estreita que tiñan as lanchas das tarrafas para achicar a auga. Nesta estreita bancada, con estantes a cada lado, era onde se metían os biois, toletes, estrobos e barqueadores para barquear as augas cheirentas da lancha. Tamén se metía unha cociña de ferro movible que servía para quentarse a xente cando ía frío e para facer de comer, principalmente peixe asado. Era a parte da lancha en que nos momentos en que se ía cargado de peixe para A Coruña, Viveiro, Cariño, Sada ou Cedeira, todos se metían acurrunchados nunha pila dándose abrigo uns a outros á vez que un mariñeiro achicaba cando lle tocaba. 2. Lugar dunha embarcación onde se concentran as augas para logo achicalas.

ACHICAR v.t. Quitar a auga do interior dunha embarcación.

ACLARAR v. 1. Deslear liñas, aparellos e cabos. 2. Ordenar os cabos e os palangres. 3. Descartar aparellos enlorados.

ACODERAR v.t. 1. Amarrar unha embarcación a outra. 2. Atracar unha embarcación a outra para amarrarse a ela. 3. Arrimar unha embarcación a calquera cousa flotante até tocala. Dálle avante que imos acoderar a esta lancha. // v.p. 4. Aproximarse unha embarcación a outra por medio de cabos.

AFERRADO -A adx. Dise do peixe que meteu o anzol na boca e tira del. Cando pasamos polo voso lado, tiñades todas as liñas aferradas.

AFERRAR v.t. 1. Envolver a vela e amarrala contra a verga. 2. Facer firme as uñas do rizón no fondo do mar, tanto no cuberto coma na area. // v.p. 3. Agarrarse un badexo, congro, mero, etc. á carnada ou chibo dunha liña sobre o fondo do mar. 4. Estaren presas as liñas polos peixes. 5. Enganchar un peixe no ferro do anzol.

AFORAR v.p. 1. Dise da embarcación cando colle rumbo de fóra poñendo a costa pola popa e o mar libre por cada banda do barco. Ímonos aforar un par de horas máis sobre o oesnoroeste. Non nos imos aforar máis que xa estamos a cinco horas fóra da costa

AFRESCAR v.i. Aumentar a forza do vento. Está afrescando o vento, vámonos.

AGARRAR v.t. 1. Facer firme as áncoras despois de fondear. 2. Botarlle a man a un cabo, aparello, rizón, gancho ou a outra cousa que se use a bordo dunha embarcación. Agarra eses cabos e fóulaos ao mar. Agárrate a esa pedreira e axúdalle ao teu compañeiro. Grazas que se agarraron á varanda, senón lévaos o mar. // v.i. Manterse [o tempo] durante varios días.  Mentres que o tempo non agarre enriba (nordeste), non virá bo. O tempo agarrou embaixo, xa temos auga e inverno até que cambie a lúa.

AGAXE s.f. Corrente incontrolada que recala nas nosas costas procedente do Oeste e do Oés-sudoeste. As agaxes sempre arrastran variedade de peixe e grandes bancos de patexo, o cal resulta ser un dos mellores bocados para todos os peixes do mar.

AGUANTAR v.i. Resistir [un cabo] á hora de portalo e meterlle peso. Mételle esta amarra que ben aguanta.

 

 

AGULLA s.f. 1. Cada un dos machos de metal colocados de forma vertical que levaban as lanchas auxiliares das tarrafas grampadas no codaste de popa para enganchar o timón. A maioría das rasqueiras, que eran lanchas baixas e anchas nos pasados séculos, aínda que gobernaban co remo, tamén usaban timón de vela, que consistía nunha táboa ancha e longa de madeira. Este sistema era igual que as bisagras dunha porta: dous machos e dúas femias e, nese xogo, xiraba o timón. Na cabeza desta táboa, chantábase un mango de pau chamado cana ou rabela do timón, que facía xirar este timón para ambas bandas. 2. Utensilio de forma aplanada e alongada, rematado en punta, tradicionalmente de madeira e hoxe de plástico, que se emprega para coser o aparello. As súas dimensións van en relación coa malla que se queira coser. 3. Belone belone. Peixe mariño de superficie. É de corpo fusiforme e alongado coa cabeza aguzada. A súa cor desde a cabeza por todo o lombo, collendo até o medio do ventre, é un azul con verde; e xa desde as galas até o rabo é grisalla. Péscase coa tarrafa, coa rapeta e raras veces vén no palangrillo da robaliza ou na culler ao engado. É un dos peixes máis azuis do mar e ten a carne seca e dura. Nos séculos pasados ninguén as quería, tirábanse ao mar. 4. Peixe mariño de corpo fusiforme e alongado que vive nos fondos das rías e mide aproximadamente uns corenta centímetros de longo. Todo el ten a cor debilmente amarela. É da familia dos cabaliños de mar (Syngnathidae). Péscase co bou, coas zarandas e coa rapeta. Entre a súa familia están: Siphonostoma typhle, Syngnathus rostellatus, Syngnathus acus.

ALBACORA s.f. Germo alalunga. Peixe mariño de superficie, de corpo fusiforme e robusto parecido ao bonito; pero máis curto. Desde o beizo superior cubrindo todo o lombo até o rabo, divídeo unha mancha azul escura,; a partir dela, toda a parte do ventre é medio prateada. Péscase á cacea e, por veces, cando aínda son medianas, veñen malladas na volanta.

ALCATRANAR v.t. Tinguir as redes con alcatrán para que se conserven e non podrezan por estaren moito tempo molladas. A pesada faena de alcatranar realizábase da seguinte maneira: primeiro enchíase a paila de auga que, se non a había da billa, había que enchela a caldeiros. Despois collíanse os bidóns onde viña o alcatrán cru e espeso. Púñanse nunha parte alta e, aberta a rosca de ferro, xa se ían poñendo os medios bidóns de ferro debaixo do chorro. Cando ían mediados, pasábanse para encima de tres pedras para facerlles o lume. Como o alcatrán estaba moi gordo, tardaba bastante en derreterse. Ao ferver o alcatrán nestes bidóns cortados á metade, xa estaba preparado para utilizar. Había que ter moito coidado para que non se fose polo lume, porque, se caía a fervedura nas brasas, de repente saltaban as chamas e perdíase todo converténdose en torres de fume negro. Mentres se derretía o alcatrán nos bidóns cortados, outros colocaban ao pé dos píos e da paila as cuarteladas de rede que se ían alcatranar. Logo, outros collían os sacos de casca de piñeiro moída mesturada con resina e tanino e íana envorcando dentro da paila case chea de auga, ou coa cantidade precisa para o aparello que se quixese cascar ou alcatranar. A continuación, procedíase a facerlle o lume á paila. Cando a auga desta fervía e os medios bidóns de alcatrán estaban ben derretidos, abríaselle á paila e xa vertía a auga da casca no pío. Neste mesmo momento, xa se botaba o alcatrán. Unha vez os dous elementos remexidos no pío (o alcatrán e a casca), procedíase a ir mollando o aparello pouco a pouco no líquido mesturado. Os homes, todos laporetados de alcatrán, ían palmeando o aparello noutro pío seco e a auga da casca que decorría ía caendo no pío onde se mollaban as redes. Unha vez todo o aparello alcatranado e decorrido no pío, se había un carro, botábanse nel un par de cuarteladas e, xa de camiño, dez ou doce homes, uns empuxando e outros tirando por el, dirixíanse aos campos limpos e cheos de herba verde sen ningún gadaipo. Alí, entre todos, uns pola pedreira e outros pola cortiza, ían abrindo ou estendendo aquelas cuarteladas para que se secasen axiña. Non obstante, o máis corrente era que despois de estar decorrido o aparello no pío, tiñan que pasar os homes un detrás doutro a coller un domo de aparello e poñelo ao ombro. Así, quince ou vinte señores en ringleira ían na procura dun campo de herba verde para que uns pola pedreira e outros pola cortiza deixaran as cuarteladas ben portantes para que se secasen mellor. Continuábase este traballo unha vez tras doutra até quedaren todos os campos cubertos de cuarteladas alcatranadas. Aos oito ou aos nove días, xa se podían recoller para levalas para o mar. Moitas veces, cando alcatranaban varios barcos, non chegaban os campos para estenderen as redes e chegouse a estendelas por enriba dos ramallos e das silveiras. As redes tamén se tinguían só con casca, tanino e resina, pero este proceso, que era máis barato, conservaba menos as redes. Así a todo, había que ter a precaución, cando se alcatranaba, de non verter o alcatrán moi queimado no pío, porque moitas veces a moita quentura tramaba as redes e aquel cope queimado duraba pouco por culpa das altas temperaturas do alcatrán. Ao rematar a faena, o fabricante daba un bombo de sardiñas en aceite ou de xurelos en escabeche e unha garrafa de viño para a compaña, pero o pan tíñao que traer cada mariñeiro da súa casa. O que non o tiña, víase na necesidade de comer peixe con aceite. Moitos vomitaban co aceite, polo que preferían beber viño só. Cando aquela pobre comida acababa, a maioría destes homes ían borrachiños para as súas casas. Así era a vida para aqueles mariñeiros. O labor do alcatranado realizábase case sempre no mes de marzo.

ALENTÍA s.f. 1. Rolete de mar que tras del deixa suco e segue elevándose até partirse na costa ou nas areas da praia. 2. Contraste elevado de mar que se despraza en distintas direccións. Mirade que alentía vén aí.

ALETA s.f. Parte da popa dunha embarcación que fai a máxima curva sobre os coureis. Sobre a aleta de babor, era onde me gustaba pescar a min o bonito.

ALGAREADA s.f. 1. Inquietude que se produce nos bancos de sardiña polo acoso dos peixes bravos. 2. Persecución dun banco de pescada sobre unha mada ou mancha de sardiña, mocarte ou parrocha.

ALGAREADO -A adx. Aplicado ao peixe, inquieto ou perseguido por bancos de depredadores. A toliña ten a sardiña algareada. Hai un mes que non collemos nin unha carioca, debe de andar algareada coa pesquería.

*ALGARETE loc. adv. Ao garete. Véxase garete.

ALLADA s.f. Seo entre dúas puntas da costa que, polo regular, sempre ten forma de ferradura ou de media lúa. Hai alladas moi abrigosas que até na abra delas fondean os mercantes. As alladas sempre son moi amenas de peixe por seren augas máis tranquilas e por teren máis comida que as paredes da costa. Imos largar nesta allada. Fondearemos nesta allada porque nela hai moito calado ademais é moi abrigosa.

ALMADRABA s.f. Arte de fondeo milenaria, do tempo dos romanos e dos fenicios, empregada exclusivamente para a pesca do atún. Consta de dúas bocas de entrada, unha de dereito e outra de revés. A de dereito é para os peixes que veñen desovar e a de revés, para os que xa desovaron. O cadro da almadraba ten catro compartimentos os cales son a base central onde se pecha todo o peixe que entra en dito cadrado. Ten dúas bocas de entrada pola banda de terra ou da costa, que é por onde se introducen os peixes a eses compartimentos sen poderen despois saír. Precísanse de cincuenta a oitenta homes e moitas embarcacións á hora de levantala. Para fondeala en perfectas condicións, necesítanse de trescentas a cincocentas áncoras cunha longura de amarras por cada unha de cento noventa brazas. Os chicotes destas amarras van amarrados ás dúas relingas, superior e inferior. O fondo onde se fondean estas artes é limpo. Na relinga inferior, en vez de levar chumbo, leva cadea coa mesma cor do chumbo. As almadrabas de boche e cadro, que son as da actualidade, teñen unha longura aproximada de mil setecentas noventa e cinco brazas. A costeira desta pesca dura catro meses, tres de dereito, que son os meses que desovan, e o mes restante, denominado de (revés), é cando xa desovaron. O peso máximo dalgúns destes animais pode chegar a catrocentos cincuenta e incluso setecentos quilos; algúns deles chegan a medir cerca de tres metros de longo. A partir da primavera, xa comezan as primeiras madas de atúns a cruzar o Estreito de Xibraltar, rumbo ao Mediterráneo e sobre mes de agosto xa tornan desovados tomando rumbo ás augas fértiles de Noruega. Nos séculos pasados, os nosos mariñeiros tamén lles chamaban almadrabas aos grandes rapetóns, aínda que en verdade non eran almadrabas. Estas longuísimas rapetas dedicábanse a pescar exclusivamente sardiña e mocarte para a industria de salgadura. Esta arte habíaa con xareta e sen ela. Non obstante, as rapetas que usaban os andaluces polas praias do Mediterráneo, aínda que podían coller sardiña e mocarte coma a dos galegos, tiñan o privilexio de capturar atún. As largas facíanse desde a beira da onda a peixe visto, tanto en Galicia como en Andalucía. Cando as axadas se achegaban aos areais e as vían os rapeteiros andaluces desde terra, usaban as mesmas rapetas con xareta igual que os galegos. Pero para as rapetas dos andaluces dedicadas á captura do atún precisaban máis homes. Tamén tiñan que contar con máis embarcacións pequenas para levantar a cortiza da copeada cando aínda estaba o aparello a moitas brazas fóra da praia, para que os atúns non cabeceasen e se fosen por enriba da relinga da cortiza. Unha vez chegados os peixes á beira da praia, dentro do copo, como tamén polo medio dos pés dos mariñeiros, golpeábanos con macanas e logo arrastrábanos ata o seco onde acababan de morrer. Despois, cargábanos en carros para as fábricas. Eladio Rodríguez González (DICCIONARIO ENCICLOPÉDICO GALLEGO-CASTELLANO, Editorial Galaxia S.A., 1958) cóntanos que no litoral galego, a principios do século XX, empregábase esta arte para a pesca da sardiña, con moitas embarcacións, pero de dimensións máis pequenas.

ALTOS s.m.pl. Partes altas dunha embarcación. A túa chalana está rozada polos altos. A túa chalana mete auga polos altos por ter as táboas moi abertas. Con esa buceta non podemos ir ao xeito porque ten os altos rozados e rómpenos todas as mallas.

ALTURA s.f. 1. Distancia que hai nunha peza de aparello desde a relinga da cortiza até a pedreira ou chumbeira. 2. Calado. 3 Profundidade. 4. Estar pasando de través unha embarcación un punto da costa. Aquel barco a que lle caeu o timón, fómolo atopar á altura de Punta Negra.

ALXERIFE s.m. Arte de pesca parecida á rapeta ou rapetón con saco longo e ancho. Úsase principalmente nas Illas Canarias, aínda que tamén se ten usado na ría de Sada.

ALXIBE s.m. Depósito para almacenar gas ou auga que se coloca no interior dunha embarcación movida por motor.

ALZAR v.i. Parar de vogar. Cando cheguemos xunto ás autoridades, alzaremos rapidamente e logo arboraremos os remos en símbolo de campións. Alzade!

AMANEXAR v.i. Largar ou levantar o tramallo, palangre, embalo ou outra arte de pesca durante o amanexo. Esa lancha colle peixe porque ao patrón sempre lle gustou  amanexar.                             

AMANEXO s.m. Primeira luz da aurora ou crepúsculo matutino. En canto comeza a romper o día, xa é amanexo. Mañá imos ter o amanexo por fóra da ría. // loc. adv. De amanexo. Ao amencer. A cambitada de bogas que onte trouxemos, collémolas de amanexo. A min non me gusta ir pescar de amanexo porque hai que madrugar moito.

AMADA s.f. Mada.

AMARRA s.f. Cabo, estacha, cadea ou cable que serve para suxeitar unha embarcación ben atracada ao peirao ou fondeada en calquera punto do mar. Hai variedade de amarras: pombeira, retedor, veta, cabo, estacha, cadea, cable. Polo xeral, para boas amarras na vella Galicia mariñeira, sobre todo nos ancoradoiros, adoitaba ter cada barco dúas cadeas pola proa, unha de norte e outra de sur: cada unha pola súa amura ou ben metida por cada escobén. Nestes ancoradoiros, tamén chamados galgas, había moitos barcos que se sostiñan cunha soa cadea, pero cando había vento e mar, había que fondealos con dúas cadeas ou cabos pola proa a xeito de barbas de gato. Na vida pesqueira, unha das cousas máis importantes, por non dicir a que máis, para calquera embarcación, cando sae para o mar, é que leve a bordo unha boa amarra.

AMORRADA s.f. 1. Gran captura de peixe traída para terra a bordo dunha embarcación. 2. Tarrafeiro con dúas lanchas cargadas de peixe pola popa. 3. Tarrafeiro cargado coa auga do mar polos escobéns. 4. Volanteiro ou boniteiro que trae o rancho cheo de peixe e tamén a cuberta caéndolle incluso ao mar.

AMORRADO –A adx. [Barco] enterrado de proa polo peso do peixe.

AMURA s.f. Parte sobresaínte da anchura da proa dunha embarcación que fai curva. Hai a amura de babor e a de estribor. Aquela lanchiña capea ben o vento de amura. Vénnos o vento de amura.

ÁNCORA s.f. Ferro con dous brazos en forma de cuñas capaz de enterrarse ou de aferrarse na area. Úsana principalmente os barcos de gran tonelaxe, aínda que tamén a poden levar outras embarcacións, mesmamente iates. As áncoras xeralmente sempre van provistas de cadeas. Tirade a áncora ao mar. Veña, que nos imos, levantade a áncora.

ANCORADOIRO s.m. 1. Fondeadoiro. Parte das rías ou da costa onde soen botar a áncora e ter galga as embarcacións. 2. Sitio da costa onde adoita a estar sempre calmo e con bastante fondo.

ANCORAR v.i. 1. Fondear. 2. Tirar o rizón ou a áncora ao mar para que faga firme no fondo e logo amarrar a embarcación. 3. Arriar áncoras ao mar. Aquela lancha sempre anda ancorando e nunca nada fai.

 

ANDADO –A  adx. Chicoteado, embalado. Dise cando unha zona de mar está andada, significa que xa largaron por ela moitos aparellos e que xa colleron todo o peixe que vivía nos fondos daquela zona. Non imos largar aquí o tramallo porque xa me dixeron que estaba todo andado.

 

 

ANDAR v.t. 1. Palmear. Ándase o aparello, a tira, a relinga... todo canto pase polas mans. 2. Colocar ou mover o aparello para calquera parte. Mentres ides vosoutros por auga, eu vou andando este aparello. Mañá temos que andar coa rede. Quen andou esta cesta de palangre, que a volva andar. No tempo das traíñas, dos boliches e das tarrafas, había que andar coa rede; isto, se non se ía ao mar. O mínimo era unha vez á semana, pero se non se andaba con ela, quentábase e podrecíase por ser de algodón. Por esta razón, a compaña tiña que ir andar coa rede todas as semanas. Había que aireala e quitarlle algún peixe mallado que quedara polo medio da rede das largas dos días anteriores, porque todo aquel peixe no medio do aparello podrecía o pedazo onde quedara e, cando isto sucedía, había que mollala e lavala tirándoa ao mar desde o barco até a lancha desatracados e, de paso, resistir o cheirume dos peixes mortos con vermes. 3. Halar. // v.i. O verbo andar abrangue todos os labores do mar. // Andar a unha arte de pesca. Practicar unha arte de pesca. Esa chalana anda ao embalo. // Andar a un peixe ou marisco. Dedicarse á pesca ou captura desa especie. Agora mesmo andamos ao camarón.

 

ANDARIVEL s.m. Utensilio pequeno de aceiro con forma triangular con grillón xiratorio, que vai entrallado na cabeza do cabeceiro para que este non tome volta.

ANGARELLEIRO s.m. Que se dedica a pescar cos angarellos ao badexo (embarcación, mariñeiro...).

 

ANGARELLO s.m. Arte de pesca de fondeo. Esta arte de malla foi exclusivamente feita para pescar badexo. Era a que máis chumbo e pedras levaba na pedreira. O motivo era que se trataba dun aparello groso. A cortiza era cadrada, con moita fortaleza flotante. Tiña dúas brazas e media de altura e tendida no fondo do mar quedaba verticalmente. Facíalle falla moito chumbo para que as correntes das mareas vivas non a tombasen. Practicamente, a esta pesqueira íase só no inverno. Pero naquelas épocas collíanse moitas vagas de mar e as lanchas eran pequenas, aínda que estaban provistas de máquinas movidas a vapor. En moitos dos nosos portos, estes aparellos chamábanos badexeiras.

 

ANGÜEIRO s.m. Corrente da marea de secante que aparece ao pé do primeiro golpe de mar en certas praias da costa e dalgunha ría. Esta corrente tanto tira para fóra coma para vendaval, aínda que outras veces tira para terra. Aos rapeteiros, esta clase de corrente tenlles tirado en ocasións a rapeta en terra. Cando hai angüeiro nas praias, non se pode rapetar a gusto. Os rapeteiros maldicían os angüeiros porque non podían arrastrar a rapeta para terra, pois incluso eles eran arrastrados para fóra por esta corrente.

 

 

ANGUÍA s.f. Anguilla anguilla. Peixe de río e de mar. De corpo fusiforme e alongado. A maioría do tempo vive enterrada en tubos de area e de lodo que ela mesma constrúe. Tamén fai cama debaixo das pedras. Polo lombo ten cor negra e pola barriga, medio amarela; tamén hai outras que teñen o ventre tirando a gris. Péscase con nasas dentro dos ríos e dalgunha lagoa. Tamén se pescan coa liña. Polo mes de setembro, cando se atopan nas rías, veñen ao debullo das carnadas que teñen as zarandas e aínda que son rápidas, sempre cae algunha dentro delas. Hai exemplares que chegan a pesar unha libra. A súa carne é moi saborosa.

 

ANGUIÑADA s.f. Perda do goberno do timón que unha embarcación padece por efecto dun forte golpe de mar que lle pega pola popa e ás veces pode virarlle a proa para ambos lados. A metérmonos á barra e aproveitando a anguiñada do golpe de mar que nos veu pola popa, o timón, deixando de gobernar, por pouco nos revira.

 

ANSEO s.m. 1. Seo. 2. Bóveda ou bolso que fai a rede no fondo do mar polo seu engurre cando a corrente flúe nel. 3. Engurra que se lle fai á rede en cada casa do entrallado das artes de pesca. 4. Demasía de rede que se entralla nas relingas das artes de pesca con relación ao longo de cada relinga, o que fai que a rede folee por ter máis longura o pano que a corda.

 

ANTICICLÓN s.m. Zona de altas presións atmosféricas que adoita a estar acompañada deventos mainos e bo tempo.

ANZOL s.m. Gancho pequeno de ferro ou de aceiro con pestana, de varios tamaños, usado para pescar toda clase de peixes mediante unha liña de tanza ou de fío.

 

APALASTRADO -A adx. 1. Derreado. 2. Deitado [no camarote, a cuberta...] de calquera xeito a carón de algo cos brazos para un lado e as pernas para outro. 3. Sen gardar postura do seu corpo un mariñeiro cando está deitado no seu camarote. E logo onde vai o noso Manuel? -preguntaba o mestre desde a roda do timón-. Manuel hai sete horas que está apalastrado no rancho.

 

APARELLAR v.p. Xuntárense dúas embarcacións de costado. Se dúas lanchas van ou veñen en marcha tocando unha noutra, ambas veñen aparelladas. Esas lanchas van aparelladas. Aparéllate a ese barco a ver se nos pode dar un pouco de peixe. // v.t. 1. Ordenar todas as cousas para ir ao mar. Que ben aparellada está esta lancha. Tamén se emprega coma sinónimo armar. 2. Poñer as cousas correctamente no seu sitio. Aparellade ben aí a proa. As

cousas deben estar ben aparelladas.

 

 

 

APARELLO s.m: Todas as artes de pesca que se configuren de rede de malla. // Aparellos de malla. Artes de pesca pensadas para que o peixe quede preso e esganado no cadrado da malla. Os aparellos de malla son: o xeito, bogueiriñas, tramallo, embalo, volantilla , pioneira, miños,

angarello, volanta e rasco.

APRESEIRAR v.t. Termar da sardiña viva dentro do raedoiro desde as dez ou once da noite do verán até o romper do día, hora en que se envasará na lancha ou no barco para levala despois á venda. Nas vellas tarrafas, cando largaban pola tardiña ou máis ben ao axexo, se collían máis de media lancha de sardiña, moitos mestres xa apreseiraban toda a noite até pola mañá cediño. Así a todo, había outros que preferían traer o peixe para terra aínda que lles valese menos que pola mañá, porque así aproveitaban para durmir coas súas mulleres o resto da noite.

APROAR v.i. Poñer a roda de proa da embarcación contra o vento ou contra un golpe de mar. Grazas que nos deu tempo a aproarlle a aquel golpazo de mar, senón non sei como nos iría.

 

ARAMADA s.f. Parte de arame de cinco a seis brazas de longo en que remataban as liñas de fío da cacea do bonito.

 

ARBORAR v.t. Elevar os remos de ambas as bandas dunha embarcación de remos desde a posición horizontal até a vertical caendo o guión de cada remo no medio dos xeonllos de cada vogador.

 

 

ARDENTÍA s.f. Luminosidade que se produce nas augas do mar polas noites. Por esta fosforescencia, os homes do mar poden recoñecer desde a proa do barco bancos de peixe e de distintas especies: sardiña, chicharro, mocarte, sable, agulla, torno, xarda e ás veces bogas, panchos e outros peixes soltos que van correndo detrás destes grandes bancos, tal como é o caso da pescada. Can